Miguel Sío volve ao Teucro seis anos despois

Pontevedra
30 de xuño 2020

Convértese na segunda peza confirmada do cadro teucrista, tras a renovación de Dzokic. "Era unha boa oportunidade para volver xogar en Galicia en División de Honra Prata", asegura

Miguel Sío, cando militaba no Atlético Novás Atlético Novás

Segunda confirmación para o novo proxecto deportivo da Sociedad Deportiva Teucro na División de Honra Prata, baixo o mando de Irene Vilaboa.

Trátase ademais dun regreso, seis anos despois, ao club, xa que o Teucro confirmou a fichaxe de Miguel Sío.

O extremo e lateral, formado na SAR de Redondela e o Academia Octavio, iniciou a súa etapa sénior no Cisne en Primeira Nacional, equipo desde o que deu o salto ao  Teucro na campaña 2012/2013 para defender a camiseta azul dous cursos en Prata, cunha fase de ascenso á Liga Asobal incluída. Desde entón militou no Atlético Novás, o OAR Coruña e o Trops Málaga, este último na segunda categoría do balonmán nacional.

"A volta ao Teucro era unha boa oportunidade para volver xogar en Galicia en División de Honra Prata e a verdade que coñezo o traballo de Irene nos seus anteriores clubs e teño moi boas referencias, ademais de contar coa confianza de Milucho que xa foi o meu adestrador no Cisne", recoñeceu Sío en declaracións ao club teucrista.

Para o xogador, segunda peza confirmada no equipo tras a renovación de Dzokic, espera "un ano complicado para todos os clubs despois da situación vivida así que os equipos con máis traballo e regularidade serán os que mellor se sobrepoñan".