Moraña aposta por "agardar un pouco" antes de suspender os eventos deportivos previstos para o verán

Umia
20 de maio 2020

Eventos como o Torneo de Fútbol Carneiro ao Espeto, a carreira popular ou o baloncesto 3x3 están no aire debido á alerta sanitaria

Reunión cos clubs deportivos de Moraña
Reunión cos clubs deportivos de Moraña / Concello de Moraña

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, mantivo unha reunión coas organizacións deportivas do municipio para coñecer como están a levar a alerta sanitaria.

Entre os asuntos sobre a mesa falouse dos eventos deportivos que se adoitan organizar no verán, como o Torneo de Fútbol Carneiro ao Espeto, a carreira popular ou o baloncesto 3x3, entre outros, nos que adoitan participar centos de deportistas e afeccionados.

Trátase dunhas citas que están no aire, pero desde o Concello prefiren "agardar un pouco a ver haise algunha posibilidade" antes de dalos por perdidos, sinalou a rexedora aínda que consciente de que "é moi difícil que se poidan celebrar porque o máis importante é a saúde".

En todo caso "os torneos de fútbol e baloncesto están practicamente imposibles polo contacto físico", argumentou Piñeiro, mentres que "a carreira popular veremos se se pode desenvolver con moitas restricións, porque aínda que o único que importa é a saúde, tamén é bo ir recuperando actividades sempre que non haxa risco ningún".

Na reunión, na que participou o club de fútbol de municipio, as dúas entidades atléticas e a ADC Espeto tamén se avaliou o estado dos clubs e das súas actividades na actual fase 1 da  desescalada, ademais de analizar as opcións deportivas que se van a ir abrindo a medida que se avance cara a normalidade.