Carlos Lago dirixirá en Pontevedra o novo Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte

Pontevedra
10 de novembro 2025
Actualizado: 16:46

Este ente impulsado no campus pontevedrés pretende converterse nunha plataforma de referencia para a promoción e investigación do rendemento deportivo e a educación física

Carlos Lago, director comisario do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega) Universidade de Vigo

Primeiros pasos en Pontevedra do novo Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega).

Nace co obxectivo de converterse nunha plataforma de referencia para a promoción e o desenvolvemento do coñecemento científico no ámbito do exercicio físico, a saúde, o rendemento deportivo e a educación física.

Este ente impulsado no campus universitario pontevedrés iniciou a súa actividade coa constitución da súa xunta directiva e o nomeamento do catedrático Carlos Lago como director comisario.

Con sede na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Cidega é o quinto instituto de investigación da Universidade de Vigo,

Inicia a súa actividade con doce investigadores e investigadoras promotores, pero coa intención de "crecer rápido" con "outros investigadores de Galicia, do resto de España e doutras partes do mundo", explica Carlos Lago.

Este instituto créase como "un paraugas" que permita coordinar o traballo dos diferentes grupos de investigación vinculados coas ciencias do deporte.

"Vainos a permitir ser máis competitivos e crecer baixo unha estratexia común" coa meta de "contribuír de maneira multidimensional aos retos da práctica de actividades físico-deportivas na sociedade actual", defende o seu novo director.

Na reunión celebrada este luns, presidida polo reitor Manuel Reigosa, aprobouse a constitución dunha xunta directiva integrada polo propio reitor; o director Carlos Lago; Marián Fernández Villarino como secretaria comisaria; Alba Cuba en representación dos investigadores vinculados; ou Luís Pita como persoal non investigador vinculado.

Un representante do Consello Social da Universidade e outro dunha institución pública ou privada que contribúa ao financiamento ou actividade do Cidega aínda pendentes de nomeamento completarán esta xunta directiva.

Tamén se aprobou a composición dun comité asesor, integrado por seis catedráticos, ao que se sumará unha comisión científica.