O Arosa pon en marcha a súa campaña de abonados para a tempada 21/22

O Salnés
03 de xullo 2021

A campaña de socios do Arosa para a tempada 2020/2021 poñerase en marcha a próxima semana. Baixo o lema "¡Tú pones la pasión, nosotros la ilusión!", o club arlequinado quere afrontar esta nova etapa en Segunda RFEF e consolidarse na nova categoría co apoio da súa afección

Parte traseira do carné de socio do Arosa para a tempada 21/22
Parte traseira do carné de socio do Arosa para a tempada 21/22 /

A campaña de socios do Arosa para a tempada 2020/2021 poñerase en marcha a próxima semana. Baixo o lema "¡Tú pones la pasión, nosotros la ilusión!", o club arlequinado quere afrontar esta nova etapa en Segunda RFEF e consolidarse na nova categoría co apoio da súa afección. 

Como principal novidade, poñerá ao dispor dos usuarios a venda de abonos a través da páxina web, na que se dispoñerá un espazo  esfecífico para adquirilos. Unha vez realizado o pago con tarxeta de crédito, ao socio chegaralle un e-mail coa confirmación da reserva que terá que achegar á retirada do abono nas oficinas do club.

Tamén, a diferenza doutros anos, nesta ocasión haberá diferentes tipos de abonos e de prezos. Para o público sénior o abono custará 90 euros en Tribuna, 75 en Preferencia e 50 nos fondos. Os carnés bonificados de pensionista serán de 75 euros en Tribuna e 60 en Preferencia, mentres que a categoría  sub 30 e  sub 15 custarán 60 e 15 euros respectivamente.

Por último, o Arosa pon a disposición dous carnés especiais. O individual, que permite gozar dunha butaca numerada en exclusiva na zona central de Tribuna por 150 euros, e o de empresa, para o que hai que comprar como mínimo tres e que custa 270 euros. Este é o único carné que será transferible, o resto estarán personalizados.

En canto ao deseño, o abono de Tribuna será de cor vermella, o de Preferencia será azul e os dos Fondos, branco.