O Club Baloncesto Arxil empeza a coller ritmo na súa pretempada, preparándose para o seu primeiro encontro o vindeiro sábado 9 de setembro en Lugo ante o Ensino, en Copa Galicia.
A principal incógnita nas verdes atópase na chegada dun das súas fichaxes destacadas, a colombiana Narlyn Tatiana Mosquera.
Polo momento descoñécese a data na que a pívot poderá sumarse aos adestramentos do equipo, xa que se atopa no seu país tramitando o visado que lle permita o seu regreso a España, tras competir o pasado ano defendendo as cores do Alcobendas.
Mosquera e a lesionada Ana Martín son as únicas ausencias para Mayte Méndez, tras a confirmación da renovación de María González Centeno, a última en sumarse ao traballo de pretempada. A alero cumprirá así a súa sexta campaña no Arxil.
Coa renovación de María Centeno, o club verde logrou a continuidade de todo o plantel da pasada campaña salvo Minata Keita, sumando un efectivo máis coa contratación da británica Chantel Charles.