O Cisne continúa co seu particular calvario pola liga Asobal. Lastrados por un plantel curto e pola acumulación de partidos despois da corentena do equipo, os brancos encaixaron outra avultada derrota este mércores en Guadalaxara nun partido no que a gasolina lle durou 25 minutos. Minutos antes do descanso, os brancos cederon ante o empuxe local, que se foron cunha cómoda vantaxe de catro tantos no marcador e que no segundo nunca deixou de crecer.
A igualdade foi a tónica dominante nos primeiros minutos de xogo. Aínda que o Guadalaxara trataba de levar a iniciativa, os de Jabato, moi serios e competitivos, non deixaban aos alcarreños escaparse. Un tempo morto solicitado por Jabato pasado o ecuador do primeiro tempo serviu para axustar pezas e alertar aos seus de seguir apertando para ter opcións de levar a vitoria.
O discurso funcionou e o Cisne púxose a só dous goles. Foi entón, a cinco minutos do descanso, cando lle chegou a inspiración a Román e Gallardo, que castigaron aos pontevedreses e deixaron o marcador nun decisivo 16-12.
Non estaba todo perdido, e os de Jabato regresaron á cancha dispostos a seguir dando guerra. Por un momento parecía que o conseguirían, pero foi un espellismo. Un parcial de 5-0 conseguido polo Guadalaxara acabou coas escasas forzas que quedaban aos brancos despois de dúas semanas de viaxe por distintas cidades de España.
O Guadalaxara non perdoou e minuto a minuto foi aumentando a súa renda sen que o Cisne puidese facer nada por evitalo ata detela, con boxinazo final, nos 17 tantos cos que se chegou ao minuto 60.