O Club Cisne Balonmán chegou ao final da primeira volta da Liga Asobal en postos de descenso, con 7 puntos, pero metido de cheo na pelexa pola permanencia a pesar dos problemas de lesións que foi arrastrando os últimos meses.
Agora o club pontevedrés ten por diante mes e medio sen competición para recuperar efectivos e sensacións para a segunda metade do campionato, ao encadearse o parón de Nadal co que ocasionará o Mundial de Balonmán durante o mes de xaneiro.
Ata o próximo 4 de febreiro, coa visita do Anaitasuna ao Pavillón Municipal dos Deportes, os de Javier Márquez non retomarán a Liga Asobal, polo que o técnico aproveitará estas datas para dar descanso primeiros aos seus xogadores e despois afrontar unha especie de 'minipretempada' en xaneiro na que recuperar a forma.
O plantel cisneísta segue de momento activa con adestramentos que se prolongarán ata o día 22 de decembro. Ese día iniciarán unhas vacacións que se prolongarán ata o luns 9 de xaneiro, cando os xogadores volverán vestir de curto para exercitarse.
A partir de aí serán catro as semanas de traballo ata o reinicio da Asobal, tempo no que está previsto afrontar ata cinco partidos de preparación.
O primeiro deles será o tradicional Memorial Manuel Luaces, previsto para o día 14 de xaneiro coa intención de que o rival sexa o Atlético Novás da División de Honra Prata.
Unha semana despois, os días 20 e 21 de xaneiro, o Pavillón Municipal dos Deportes será escenario do Torneo Cidade de Pontevedra, no que estará presente un rival da máxima categoría como o Torrelavega ademais de dous clubs portugueses. Un trofeo que se dispuatrá en formato de semifinais e final, ademais de terceiro e cuarto posto para que todos os equipos afronten dous encontros.
Co mesmo formato a seguinte fin de semana o Cisne devolverá a visita ao Torrelavega en Cantabria, aínda que con distintos rivais completando o cartel. Será a última proba para os de Javier Márquez antes de retomar a competición.