O Cisne regresa preparado para unha misión imposible

Pontevedra
30 de outubro 2020

Os brancos enfróntanse este sábado a partir das 17 horas ao todopoderoso FC Barcelona no Pavillón Municipal

Partido da Liga Asobal entre Cisne e Cuenca no Municipal Mónica Patxot

O Cisne regresa á competición despois de dúas xornadas sen competir polos casos de coronavirus rexistrados no seu plantel para enfrontarse ao rival máis poderoso da liga. "É case misión imposible", recoñece o Quiños, o segundo adestrador da escuadra pontevedresa, ao tratar de definir e buscar algún punto débil no rival, o FC Barcelona, que visitará o Pavillón Municipal este sábado ás 17 horas.

"É un auténtico equipazo, cada ano mellora o plantel e cada ano vai rexuvenecendo", destaca o técnico. O obxectivo que se marcan nun vestiario mermado fisicamente despois de máis de dúas semanas sen adestrar é o de "gozar por xogar contra un super equipo como este".

Aínda así, os pontevedreses sairán á cancha sen renunciar a nada e coa intención de facelo o mellor posible "para estar no partido o maior tempo posible".

Para logralo, a receita inclúe "estar o mellor posible en ataque e que os seus porteiros non teñan o mellor día porque todos os seus acertos defensivos convértense en goles á contra", destaca o preparador que sinala o contragolpe como "unha arma que usan tanto na liga como en Europa e fan moito dano".