O Concello incrementa a cantidade destinada a patrocinios de clubs deportivos

Pontevedra
23 de febreiro 2017

Turismo de Pontevedra dedicará en 2017 unha cantidade de 244.600 euros a patrocinios de clubs deportivos da cidade que compiten fóra de Galicia de maneira periódica e nunha liga regular

Patrocinio de Visit Pontevedra nas camisetas do Arxil
Patrocinio de Visit Pontevedra nas camisetas do Arxil / Cristina Saiz

A cantidade que recibirán os clubs da cidade polo patrocinio de Turismo de Pontevedra verase incrementada neste ano, segundo os datos trasladados polo Concello de Pontevedra.

A concellería de Promoción Económica, a través da sociedade Turismo de Pontevedra, dedicará nesta anualidade 244.600 euros a patrocinios publicitarios de clubs, o que supón un incremento de 13.000 euros (un 5,6%) con respecto ao aprobado en 2016.

Esta liña de axudas ás entidades deportivas da cidade está destinada aos equipos que xogan e ou compiten regularmente fóra de Galicia e en ligas nacionais, co obxectivo de promocionar Pontevedra como destino turístico.

Os criterios que rexen estes patrocinios "procuran a equidade na distribución dos fondos", sinalou o Concello a través dun comunicado.