Trámite superado. O Fisgón e o Leis Pontevedra convertéronse este venres nos primeiros equipos galegos participantes nos play-off exprés cos que finalizará a tempada en pasar o obrigados test de coronavirus.
As xogadoras e corpo técnico do conxunto marinense, que xogará polo ascenso á Primeira División de fútbol sala, acudiron á primeira hora da tarde de maneira graduada á sede da Real Federación Galega de Fútbol en Pontevedra, lugar designado pola Mutualidad de Futbolistas Españoles MUPRESFE para someterse ás probas. Despois foi o turno dos integrantes do Leis.
Trátase do paso previo de ambos os dous para comezar cos adestramentos grupais xa sobre a pista do pavillón, e que teñen intención de retomar co inicio da próxima semana.
Tras as probas, e se os resultados son favorables tal e como se espera, as e os futbolistas poderán centrarse en recuperar o ton físico para unha fase de ascenso que está prevista para mediados do mes de xullo.
Segundo o protocolo establecido pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF), todos os deportistas e o staff con licenza federativa deberán someterse a un segundo test en día previo ao primeiro partido do play-off.
Os resultados dos test serolóxicos, explicou a Federación, daranse a coñecer de forma confidencial ao responsable do Departamento Médico da RFEF e ao responsable designado para estes efectos polo club cando sexa un resultado positivo para proceder a aplicar as medidas oportunas.
AROSA, O SEGUINTE
Tras Leis e O Fisgón, o seguinte en pasar as probas de coronavirus será o Arosa, con cita o vindeiro luns 8 de xuño.
O cadro vilagarcián, candidato a regresar á Segunda División B de fútbol, farao a partir das 16:30 horas da tarde nas instalacións do campo Manuel Jiménez.
Superado o trámite os deportistas poderán regresar aos adestramentos colectivos respectando os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades.