O Galaico, sen rival no Campionato Galego de Inverno

Pontevedra
30 de decembro 2016

O club pontevedrés domina con autoridade a clasificación por equipos que se celebra no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños, e aínda por riba o equipo feminino de substitucións bateu xa dous records galegos

Primeira xornada do Campionato Galego de Natación en piscina curta Mónica Patxot

Non hai quen tosa ao Club Natación Galaico no Campionato Galego Absoluto de Inverno, en piscina curta, que se celebra no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños.

O club pontevedrés domina con autoridade as clasificacións por equipos despois de dúas xornadas de competición e ten xa no peto o título de mellor equipo autonómico.

O Galaico, con 817,5 puntos, dobra en puntuación ao segundo club na clasificación conxunta, o Pabellón Ourense (391), mentres o Fluvial de Lugo (360,5) é terceiro.

Os anfitrións da competición dominan tamén a clasificación en categoría feminina (530,5 puntos) por diante de CN Ponterareas (243), e a masculina (287) superando a CN Arzua (268).

Ademais das medallas individuais, no que vai de competición un dos grandes protagonistas foi o equipo feminino de remudas, que bateu dous records galegos. No 4x200 libre (Paula Goyanes, Clara Otero, Águeda Cons e Bea Gómez) pararon o crono en 8:11.00, mentres no 4x100 libre (Clara Otero, Nuria Erselle, Águeda Cons e Bea Gómez) fixérono en 3:50.03.