O Mapfre inicia a sexta etapa da Volvo Ocean Race pensando en conservar o liderado

Sanxenxo
07 de febreiro 2018

A frota da Volta ao Mundo a Vela iniciou este mércores a sexta etapa da competición, na que afrontarán máis de 6.000 millas de percorrido desde Hong Kong ata Auckland (Nova Zelandia)

O Mapfre saíndo de Hong Kong na sexta etapa da Volvo Ocean Race
O Mapfre saíndo de Hong Kong na sexta etapa da Volvo Ocean Race / María Muíña / Mapfre

Despois do seu paso por China e tras regresar a Hong Kong nun percorrido neutraizado, a frota da Volvo Ocean Race iniciou este mércores a sexta etapa da competición oceánica.

O Mapfre pon en xogo o seu liderado na Volta ao Mundo a Vela, con 4 puntos de vantaxe sobre o Dongfeng, tras colocarse ademais como primeiro clasificado nas regatas costeiras.

Serán máis de 6.000 millas náuticas de percorrido ata Auckland (Nova Zelandia) que esconden perigosas dificultades. Así por exemplo a organización viuse obrigada a modificar as instrucións da etapa, engadindo ao leste das Filipinas unha zona de exclusión motivada pola previsión dun ciclón tropical.

"Son unhas condicións nas que adoita haber mareos pero toca afrontalo coa maior alegría posible, sabendo que é parte do xogo e tomando todas as precaucións que me aconsellan os meus sabios compañeiros", declarou a pontevedresa Támara Echegoyen, que se mantén como parte da tripulación da embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo.

Tras unha saída dominada polo holandés AkzoNobel, os barcos da Volvo comezaron a navegar en dura pelexa porlas posicións por encima dos 12 nós de velocidade cun vento que subiu aos 15-20 nós. As previsións advirten ademais desde hai días de un empeoramento das condicións, que serán especialmente incómodas nas próximas 48 horas: ventos duns 35 nós de cinguida ata o estreito de Luzón, que separa Filipinas de Taiwan. 

Aínda que "saímos a gañar", advirte o navegante Pablo Arrate, o obxectivo do Mapfre sitúase en conservar o liderado chegando ao ecuador da competición, o que pasa nos primeiros días da sexta etapa por conservar o material e tentar non sufrir avarías derivadas das malas condicións que se esperan.