O Pontevedra reserva efectivos e págao sendo eliminado da Copa do Rei en Guijuelo (1-0)

Pontevedra
03 de setembro 2015

Luisito fixo un total de nove cambios no once inicial, con respecto ao que xogou en Cáceres, mentres que o cadro local practicamente repetiu o mesmo once do partido inaugural de liga en Pasarón, cunha soa variación no seu lateral dereito. Dominio case absoluto do Guijuelo, fronte a un Pontevedra que apenas creou perigo, dando a sensación de que o torneo do KO era para os galegos un molesto trámite

Partido de Copa do Rei entre Guijuelo e Pontevedra
Partido de Copa do Rei entre Guijuelo e Pontevedra / www.salamanca24horas.com

SERVICIO ESPECIAL PARA PONTEVEDRAVIVA: www.salamanca24horas.com

Tres partidos oficiais e os tres perdidos polo mesmo resultado. O Pontevedra volveu caer pola mínima (1-0), esta vez en Guijuelo, no campo do seu verdugo na primeira xornada de liga en Pasarón, o que deixa aos de Luisito fóra da Copa do Rei ás primeiras de cambio.

Aínda que os granates competiron e deron a cara, o certo é que a aliñación inicial que ordenou Luisito deixou a sensación de considerar a Copa como un molesto trámite para o conxunto galego. Así, mentres o Guijuelo formaba cun once inicial case calcado ao do partido de liga, cunha soa variación no seu lateral dereito, o Pontevedra comparecía no terreo salmantino con nada menos que nove cambios no equipo titular, con respecto ao que xogou en Cáceres.

Os locais comezaron o partido de menos a máis. Co canario Gordillo como director de xogo, tiñan o control da pelota fronte a un Pontevedra que se defendía ben, pero non creaba perigo.

O Guijuelo marcou aos sete minutos, nun desmarque de Nacho Rodríguez con pase a Piojo, pero en posición de fóra de xogo previo do propio Nacho Rodríguez, quedando o tanto invalidado.

A primeira ocasión visitante chegou cunha internada pola dereita que acabou cun disparo de Pablo Carnero dende a frontal e desviado. A partir do minuto 25 Gordillo tomou o mando e o Guijuelo aproveitouse para pasar a dominar con claridade, pero sen levar perigo á área defendida por Lloves.

O adestrador visitante Luisito introduciu dous cambios na reanudación, dando entrada a Kevin Presa e Queijeiro, que debutaba apenas 24 horas despois de ser presentado como novo xogador granate. O Pontevedra estirouse no tramo inicial, pero curiosamente foi Luis Milla, cun lategazo dende a frontal, o que rompeu o partido. O mesmo xogador, apenas un minuto máis tarde, tivo que retirarse en padiola, cunha posible lesión grave no seu xeonllo.

Moveu ficha o técnico local, De la Barrera dando entrada a Carlos Ramos e Romero. E o Guijuelo puido sentenciar, pero o remate de Gordillo estrelouse na base do poste e no rexeitamento, Romero topouse co outro poste.

O curto do resultado permitiu ao Pontevedra manter esperanzas ata o final e malia non dispoñer de claras ocasións, na recta final rozou o empate e a prórroga, nun remate de Pablo dende a frontal.

CD GUIJUELO (1): Kike Royo; Ramiro Mayor, Jonathan Martín, Chema Antón, Ángel Sánchez; Javi Rey, Luis Milla (Carlos Ramos, minuto 70); Piojo, Néstor Gordillo (De la Nava, minuto 82), Julián Luque (Romero, minuto 73); e Nacho Rodríguez.

PONTEVEDRA CF (0): Lloves; Miguel Loureiro, Pablo, Bruno, Anxo; Pedro García (Kevin Presa, minuto 46), Tubo (Queijeiro, minuto 46); Miki, Tomás, Jandrín (Capi, minuto 73); e Pablo Carnero.

Árbitro: Alberto Villoria Linacero (Madrid), auxiliado nas bandas por Driss Lamchachty Laamartí e Sergio Maroto Criado. Amoestou aos locais Luis Milla e Nacho Rodríguez e os visitantes Pablo, Capi, Kevin Presa e Tomás.

Goles: (1-0) Minuto 58: Luis Milla.

Incidencias: Campo Municipal de Guijuelo (Salamanca). Partido correspondente á primeira eliminatoria da Copa do Rei. Uns 250 espectadores.