O quinteto de Antonio Fernández

Pontevedra
27 de agosto 2022

Sergio Moreira, Dani Vilas, Moncho Martínez, Álex Salgado e Borja Ríos compoñen o corpo técnico do primeiro equipo do Pontevedra CF para a campaña 2022-2023

Álex Salgado, Borja Ríos, Sergio Moreira, Antonio Fernández, Dani Vilas e Moncho Martínez compoñen o corpo técnico do Pontevedra para a campaña 2022-2023 Cristina Saiz

Proxecto novo, corpo técnico novo. A tempada de Primeira Federación está a piques de comezar e no banco de Pasarón veranse moitas caras novas. Non só xogadores, tamén técnicos.

Antonio Fernández relevou a Ángel Rodríguez como director técnico da nave granate e o elenco de axudantes tamén variou. Manteñen o mesmo rol que o ano pasado o segundo adestrador Sergio Moreira, o adestrador de porteiros Moncho Martínez e o fisioterapeuta Borja Ríos. 

Con todo, o novo adestrador trouxo consigo dous homes de confianza. Da preparación física do primeiro equipo encárgase Dani Vilas, que xa traballara con Fernández Rivadulla no Vilalonga e que tamén ten experiencia noutros equipos como o Santiago Futsal.

O responsable da análise dos rivais e a xestión de datos é Álex Salgado, outra persoa da máxima confianza do míster co que xa colaboraba na súa etapa anterior no San Roque de Lepe.