Mal comezo de tempada para a Sociedade Deportiva Teucro, que cedeu por 31-33 ante o Ribeiro na súa estrea en Primeira Nacional. Os de Irene Vilaboa chegaron a facer un parcial de 8-1 inicial pero deixáronse dobregar.
Anotaban fácil Vinicius e Álex Sánchez, conseguindo unha vantaxe de sete goles aos 10 minutos de xogo, pero a defensa do Ribeiro apareceu de súpeto e o ataque do Teucro fixo o contrario.
Apertou o luminoso o cadro ourensán cun 1-4 ao cuarto de hora (8-5), mentres a zaga teucrista facía augas co paso dos minutos, igual que o ataque, e fóronse ao descanso con tan só un gol de renda (16-15).
E na segunda parte, o Ribeiro continuou co seu bo facer e, tras un intercambio de tantos, Roi Sierra e Xoel Martínez colocaron o 19-21 no marcador.
Vinicius erraba nas súas chegadas a portería rival, Caue vía a súa terceira exclusión e os visitantes aproveitaban a ocasión para facerse con catro tantos de vantaxe alcanzado o minuto 28, suficientes para aguantar ata o final e levar a vitoria (31-33).