O Teucro despídese dos seus cunha derrota intranscendente ante Bidasoa (27-31)

Pontevedra
12 de maio 2018

Sen nada importante en xogo, Teucro e Bidasoa, cos deberes feitos e o desexo de gozar, deixando calquera posible conta pendente para a próxima tempada na que ambos seguirán na máxima categoría do balonmán español, realizaron un partido discreto, no que os azuis aproveitaron para despedirse da súa afección, aínda que con derrota, no último partido no Municipal dalgún deles e do técnico Quique Domínguez

Partido entre Teucro e Bidasoa no Municipal
Partido entre Teucro e Bidasoa no Municipal / Diego Torrado

Sen nada importante en xogo, Teucro e Bidasoa, cos deberes feitos e o desexo de gozar, deixando calquera posible conta pendente para a próxima tempada na que ambos seguirán na máxima categoría do balonmán español, realizaron un partido discreto, no que os azuis aproveitaron para despedirse da súa afección, aínda que con derrota, no último partido no Municipal dalgún deles e do técnico Quique Domínguez.

Cos nervios aparcados, nin na pista nin na bancada houbo tensión competitiva, salvo escasas excepcións provocadas por situacións moi puntuais. Quique Domínguez aproveitou o partido para dar os minutos que noutras ocasións non puido outorgar aos menos habituais, por iso é polo que xa na primeira parte utilizase á totalidade dos seus xogadores, realizando frecuentes rotacións en todas as posicións.

Pola súa banda, o Bidasoa, que chegou a Pontevedra algo máis curto de efectivos, aproveitou para tomar vantaxe nos compases iniciais (1-4), para logo encaixar un parcial de 6-1 que obrigou ao seu técnico a pedir tempo morto (7-5) antes da metade do primeiro acto.

Esas rotacións teucristas foron aproveitadas polo conxunto vasco para neutralizar a diferenza e mesmo volver situarse cun gol arriba (10-11), a tres minutos do descanso, pero a volta a pista de Yoán Balázquez puxo de novo ao Teucro en vantaxe, con dous goles consecutivos, para que Iglesias, sobre a bucina, permitise aos seus irse ao vestiario por diante (13-12).

A segunda parte trouxo algo máis de velocidade, pero menor tensión defensiva, o que se traduciu nun constante intercambio de goles do que ningún dos equipos saía dominando. Bidasoa púxose arriba (17-18) e respondeu o Teucro remontando (20-19), con cada técnico parando o partido para tentar buscar solucións, sen atopalas por completo.

Alternativas, con diferenzas mínimas e empates, á espera de que algún dos contendentes cometese maior número de erros que o seu rival, porque os erros alleos, máis que os acertos propios, decidirían o resultado final. E o beneficiado foi o Bidasoa, que desde o principio deu a sensación de tomarse o partido algo máis en serio. A falta de sete minutos, os vascos subían ao marcador a súa máxima vantaxe (23-26), que xa non tivo resposta dun Teucro desorientado en ataque, empeñado en accións individuais que lle conduciron a unha xusta, aínda que intranscendente derrota.

Para despedir tempada, manteo dos xogadores ao seu adestrador, saúdo á afección e resposta desta ovacionando a un equipo que conseguiu con folgura unha meritoria permanencia, a pesar dos numerosos problemas físicos dos seus homes.

SD TEUCRO (27): Javi Santana; Borja Méndez (5), Yoán Balázquez (8), Iván Fernández (1), Samu Gómez (1), Dani Hernández (3), Edu Moledo (3) -sete inicial-, García Lloria ( p.s.); Johnny Medina, Moyano, Quintas (2), Carlos García (3, de penalti), Óscar Silva, Bruno De Castro, Iglesias (1) e Gehrhard.

BIDASOA IRÚN (31): Xoán Ledo; Crowley (3), Odriozola (10), Leo Renaud (2), Rodrigo Salinas (4), Popovic, Míkel Redondo -sete inicial-, Rangel ( p.s.); Cavero (3, 1 de penalti), Beltza, Íñigo Aldaba, Íker Serrano (5), Jon Azkue (3) e Lancina (1).

Árbitros: Goyo Muro San José e Rafael Alberto García Mosquera (Madrid). Excluíron dous minutos a Bruno De Castro, Gehrhard, Johnny Medina e Yoán  Balázquez, no Teucro, e a Beltza, Rodrigo Salinas, Míkel Redondo (2) e Lancina, no Bidasoa.

Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 3-5, 7-5, 8-8, 10-10, 13-12 (descanso), 15-14, 17-18, 20-19, 23-24, 24-27 e 27-31 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 500 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Manuel 'Lilo' Paz Sánchez, socio fundador, ex-xogador e ex-entrenador do Teucro (en balonmán a 11) e actual socio número 2 do club e tamén polo pai do xogador Martín Tarrío.