O Teucro preséntase ante a súa afección cunha vitoria para o optimismo (33-31)

Pontevedra
20 de agosto 2017

Os azuis vingáronse da derrota no anterior amigable e venceron ao ABC Braga portugués nun encontro no que empezou a asomar o seu potencial ofensivo

Amigable entre Teucro e ABC Braga no Municipal
Amigable entre Teucro e ABC Braga no Municipal / Diego Torrado

Só uns días despois de caer en Portugal no seu terceiro encontro de pretemporada, a Sociedad Deportiva Teucro tomouse a vinganza e deu un paso á fronte no seu xogo para dobregar ao ABC Braga portugués (33-31).

Era a presentación dos azuis ante a súa afección e as ganas de agradar notáronse no inicio do encontro, no que os pontevedreses lograron unha renda de tres goles (5-2) para empezar a dominar o xogo.

En certas fases notouse que era aínda un encontro de preparación, pero os de Quique Domínguez empezaron a mostrar as súas opcións ofensivas, cun destacado Joan Balázquez no lanzamento exterior que deixou boas sensacións aos seguidores.

O técnico repartiu moito os minutos e probou varientes para seguir avanzando na preparación do equipo.

Ao descanso o Teucro mantiña  os tres tantos de vantaxe (15-12), e sempre foi mandando no electrónico tras o descanso para terminar certificando o seu segundo triunfo do verán.

DERROTA POLA MÍNIMA DO CISNE

Foi unha tarde dobre de balonmán no Municipal, xa que tamén se estreaba o Cisne ante un rival da súa liga, o Balonmano Nava, aínda que no seu caso fíxoo cunha axustada derrota (25-26).

O choque caracterizouse pola igualdade desde o inicio. Así, cos erros típicos destas datas, chegábase ao descanso con empate a 13 tantos.

Jabato deu minutos a case todo o plantel, do mesmo xeito que un Nava que na segunda metade logrou abrir unha pequena brecha. Reaccionaron os pontevedreses no tramo final chegando a empatar, pero non puideron evitar unha derrota que con todo deixa boas sensacións no equipo.