O Teucro renova a Marko Dzokic unha tempada máis

Pontevedra
27 de xuño 2020

O serbio de 28 anos será o central do equipo que dirixirá o próximo curso Irene Vilaboa e do que non formarán parte Fran Bujalance, Ferrán Cisneros nin Corneil

Partido entre o Teucro e o Palma del Río no Pavillón Municipal de Pontevedra
Partido entre o Teucro e o Palma del Río no Pavillón Municipal de Pontevedra / Diego Torrado

A xunta xestora do Teucro alcanza un acordo para a renovación por unha tempada máis de Marko Dzokic. As súas boas actuacións tanto en defensa como ataque durante a última campaña, así como a súa adaptación ao club convenceron á dirección deportiva que encabezan a adestradora Irene Vilaboa e Milucho Pintos para ofrecerlle a renovación do contrato.

O serbio de 28 anos será o encargado de dirixir o xogo teucrista a próxima tempada na División de Honra Prata masculina desde a posición de central. "É unha aposta segura", explican desde o club no comunicado co que anunciaron a renovación do xogador que chegou a pasada tempada a Pontevedra.

Os que non seguirán no conxunto azul o próximo curso son Ferrán Cisneros e Fran Bujalance que xa se despediron da afección a través das redes sociais. Tampouco seguirá vestindo a elástica teucrista Cristopher Corneil. O francés tiña contrato coa entidade azul, pero ambas as partes chegaron a un acordo para a rescisión do contrato posto ao ter unha ficha inasumible nestes momentos para as arcas do cadro lerezano, no que estaban moi satisfeitos co rendemento do xogador.

Desde a xunta xestora teucrista confirman tamén, despois de facer oficial renúnciaa do filial á súa praza en Primeira Nacional, que os xogadores da canteira que o ano pasado alternaron as súas aparicións co primeiro e segundo equipo serán a partir da próxima tempada integrantes do primeiro plantel. 

A falta de fichaxes, que esperan confirmar nas próximas semanas, o plantel que terá ás súas ordes Vilaboa terá unha alta cota de xogadores da canteira que adestrarán co primeiro equipo pero terán ficha co filial.