Obxectivo 7.000: A San Silvestre de Pontevedra reparte os seus primeiros dorsais

Pontevedra
01 de decembro 2025
Actualizado: 11:34

A popular proba deportiva abriu este luns 1 de decembro o seu período de inscrición coa aspiración de igualar o seu máximo histórico de 7.000 dorsais repartidos

Dorsales da San Silvestre de Pontevedra 2025
Dorsales da San Silvestre de Pontevedra 2025 / PontevedraViva

A XLII San Silvestre de Pontevedra abriu inscricións este luns 1 de decembro.

Fíxoo cun obxectivo claro en mente, o de igualar o seu máximo histórico de 7.000 dorsais repartidos, unha cifra que se alcanzou antes da pandemia e que agora se quere recuperar.

"Queremos o récord e contamos convosco", afirmaba recentemente o club organizador da popular proba deportiva, a Sociedad Gimnástica, aínda que finalmente non se pelexará por superar o tope de participación senón por igualalo, o que sería todo un éxito.

O pasado ano o número foi de 6.531 atletas con dorsal, preto desa cifra que se aspira a recuperar.

A partir de agora e até o 31 de decembro poderase formalizar a inscrición sempre e cando queden dorsais dispoñibles.

Até o 26 de decembro as inscricións formalizaranse na tenda Miller (Rúa Peregrina 6), de luns a sábado de 10.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas (25 de decembro pechado).

A partir do día 27 de decembro a operativa trasladarase ao baixo da Rúa Castelao 3, en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 salvo o domingo 28 e o propio mércores 31 de decembro que se atenderá só en horario de mañá.

Todo como en ateriores edicións de balde, pero coa obriga de colaborar na recollida solidaria organizada en favor do Banco de Alimentos.

A San Silvestre de Pontevedra celebrarase como de costume o día 31 de decembro, con saída ás 17.00 horas desde a Avenida Montero Ríos e un percorrido de 3.900 metros de lonxitude que pasará por Riestra, Praza de San José, Augusto González Besada, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Antero Rubín, Igrexas Vilarelle, Praza da Constitución, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina, Odriozola, Ferrería, Soportais, Curros Enríquez. Rúa Real, Serra, Pai Amoedo, Bos Aires, Galera, Arcebispo Malvar e Praza de España para acabar de novo en Montero Ríos.