A última fin de semana de setembro volverá rodar o balón para o Teucro cun novo formato de competición. "Serán menos partidos e vai ser unha liga moi competida, pero adaptarémonos ao novo sistema", asegura o directivo teucrista José Ameijeiras, convencido de conseguir o obxectivo da permanencia a pesar de que o orzamento para o próximo curso verase reducido.
O novo modo de competición divide por primeira vez nesta categoría aos vinte participantes en dous grupos de dez equipos cada un. Despois de enfrontarse entre eles nunha liga a dúas voltas, os cinco primeiros de cada grupo xogarán contra os cinco mellor clasificados do outro grupo nun sistema de liga a dobre partido con dúas prazas de ascenso directo en xogo.
Pola contra, os cinco peores de cada grupo enfrontaranse no mesmo formato aos cinco do outro grupo co obxectivo de evitar os catro postos de descenso directo.
A particularidade deste sistema, similar ao adoptado pola FEB para a división LEB Prata do baloncesto nacional, pasa porque tras a disputa da primeira fase, conservaranse os puntos obtidos contra aqueles rivais que compitan polo mesmo obxectivo, polo que gañar os partidos contra rivais directos cobra agora unha maior transcendencia para partir con máis puntos na segunda fase de competición.
O Teucro foi encadrado no grupo A xunto a Novás (Galicia), Lalín (Galicia), Barça B (Cataluña), Bordils (Cataluña), Sarriá (Cataluña), Adrianenc (Cataluña), Burgos, Eivissa (Baleares) e Torrelavega (Cantabria). "Temos un grupo con cinco ascendidos cuxo nivel é unha incógnita", sostén Ameijeiras, quen augura unha liga moi igualada na que unha boa ou mala serie pode marcar o devir dos equipos.
A máis de tres meses para a volta á competición, a dirección deportiva empeza xa a perfilar a composición dun plantel na que a maior parte dos xogadores do curso pasado finalizaron o seu contrato. "Milucho e Irene están a empezar xa a ver xogadores, pero temos tempo", rematou Ameijeiras, que non descarta poder comunicar algunha novidade no capítulo de fichaxes nas próximas datas.