Os compromisos internacionais obrigan a aprazar o derbi entre Arxil e Cortegada

Pontevedra
10 de febreiro 2023

O partido disputarase o día 23 de febreiro ás 21 horas na cancha do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD / Mónica Patxot

A xornada 18 da Liga Feminina 2 deparaba un derbi en Pontevedra entre o Arxil e o Cortegada previsto inicialmente para este sábado no CGTD. Pero finalmente disputarase o día 23 de febreiro ás 21 horas no mesmo escenario.

Ambos os equipos chegaron a un acordo para atrasar o enfrontamento porque contan con dúas baixas sensibles nos seus planteis. A arxilista Meniña Trajchevska e Mercy Ayitso foron convocadas polas súas seleccións nacionais, Macedonia do Norte e Kenia, para participar nos compromisos internacionais dos seus países. 

Ao tratarse de dúas baixas sensibles, ambos os equipos puxéronse de acordo para atrasar o derbi e xa llo comunicaron á Federación, que aceptou o aprazamento.

Cortegada e Arxil marchan en sexta e sétima posición, respectivamente, igualados a partidos gañados e perdidos, polo que o derbi pode ser decisivo para o devir de ambos os conxuntos na competición.