Nova tempada, obxectivos renovados e tamén novas cores. Pablo Dapena estréase estes días de maneira oficial como integrante do equipo profesional Team BMC Vifit Sport Triathlon, na concentración de pretemporada que están a realizar no complexo Sands Beach de Lanzarote.
Polas estradas da illa púidose ver xa ao flamante campión do Mundo de tríatlon de longa distancia co seu novo material e uniforme, con cambio de bicicleta incluída.
A fichaxe de Dapena polo Team BMC supón un importante paso na súa carreira, xa que a formación profesional encargarase este ano de xestionar material, patrocinadores ou viaxes, permitindo así que se centre soamente en cuestións deportivas.
A concentración do BMC en Lanzarote prolongarase ata o 19 de xaneiro, aínda que o pontevedrés, que se exercita estes días ás ordes da súa adestrar Carlos David Prieto, ten previsto seguir en Canarias ata principios do mes de marzo.
No seu novo equipo, Pablo Dapena compartirá cores con grandes figuras do panorama internacional como o subcampión do Campionato do Mundo Ironman de Hawaii, o belga Bart Aernouts, o estadounidense Chris Leiferman, o británico Will Clarke, a alemá Maurice Clavel ou o sueco Patrick Nilson.