Pablo Dapena iniciou a tempada como terminou a pasada, subido ao podio. O triatleta pontevedrés estreou 2019 competindo a fin de semana en Portimao no Campionato Nacional de Portugal.
Fíxoo representando o Alhandra Sporting Club, primeiro nunha carreira en distancia olímpica, o sábado, e un día despois no campionato portugués de remudas mixtas en distancia supersprint.
Na proba de distancia olímpica (1,5 quilómetros de natación, 40 de ciclismo e 10 de carreira a pé), Dapena impúxose cun tempo de 1 hora 59 minutos e 7 segundos nunha carreira endurecida polo vento e tamén a ondada na auga, avantaxando en 33 segundos a Alexandre Nobre, mentres que o bronce foi para Ricardo Batista.
"No con las mejores sensaciones tras una dura semana de entrenos pero hubo que vaciarse hasta el final para conseguir la victoria", sinalou tras a competición o campión do Mundo de longa distancia.
En canto á xornada dominical, o equipo de Dapena finalizou no quinto posto no campionato portugués de remudas mixtas. Agora, como el mesmo recoñece, "se acabaron las pruebas comienza la verdadera temporada", o que pasa polo 7 de abril no Challenge de Salou, primeiro test serio sobre a media distancia mirando de esguello xa cara ao Mundial de Pontevedra.