Os duros adestramentos da pretempada deron froitos para Pablo Dapena, que inicia a campaña subido ao podio.
Concretamente o triatleta pontevedrés foi segundo na Challenge Roma, proba que abría o circuíto Challenge Europa e que se disputou con formato de media distancia.
O actual campión de España de longa distancia saíu en primeiro lugar da auga tras completar os 1.900 metros de natación xunto ao británico Adam Bowden e o sueco Svensson. Despois, perdeu posicións durante os 90 quilómetros de ciclismo, pero chegou á transición nun grupo a só 1:55 sobre os alemáns Johann Ackermann e Dirksmaier.
A proba decidiuse finalmente nos 21 quilómetros de carreira a pé, nos que o mellor foi Adam Bowden para chegar a meta cun tempo de 3 horas, 22 minutos e 3 segundos. Pola súa banda Dapena rendeu a bo nivel e alcanzou a segunda posición a pouco máis de dous minutos do gañador (3:24:11), completando o podio o tamén español Iñaki Baldellou (3:24:38).
"No hubo mejor manera de empezar la temporada", recoñeceu tras a carreira Pablo Dapena, recoñecéndose "muy contento con la 2ª posición".
O vindeiro sábado 21 de abril o triatleta pontevedrés participará nunha nova competición, o Challenge Gran Canaria.