Pablo Dapena, obxectivo Campionato do Mundo de Tríatlon de Longa Distancia

Pontevedra
12 de xuño 2018

O deportista pontevedrés foi convocado oficialmente polos técnicos da Federación Española para competir polo título mundial de longa distancia no ITU Multisport Festival que se disputará en xullo en Fyn, Dinamarca

Pablo Dapena, en PontevedraViva Radio
Pablo Dapena, en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

A pasada tempada proclamouse campión de España de longa distancia, pero quedou cravada a espiña de saber que pasaría no Mundial de Canadá se non chega a ser descualificado nunha polémica decisión.

Por iso Pablo Dapena tentará de novo asaltar o trono mundial do tríatlon da especialidade longa, competindo o próximo mes de xullo na proba incluída dentro do ITU Multisport Festival que se celebrará en Fyn, Dinamarca.

O deportista pontevedrés é un dos dous seleccionados polos técnicos da Federación Española de Tríatlon, xunto ao valenciano Emilio Aguayo, para buscar o título en territorio danés.

Alí enfrontarase a unha proba que contará cun percorrido de 3.000 metros de natación, 120 quilómetros de ciclismo e 30 quilómetros de carreira a pé, que se disputará o sábado 14 de xullo e na que tentará confirmar as boas sensacións demostradas no tramo inicial da tempada en eventos de media distancia como os da franquía Challlenge, nos que non baixou do podio a pesar de medirse a algúns dos principais nomes do panorama internacional.

Por se o premio non fóra xa o suficientemente grande, un bo papel en Dinamarca supoñería un premio extra para Dapena, colocarse como un dos grandes favoritos da especialidade cando en 2019 o ITU  Multisport Festival se dispute na casa, en Pontevedra.

A cidade de Lérez será escenario ademais este ano, o día 25 de agosto, do Nacional de Longa Distancia, co pontevedrés defendendo o título logrado en Eivissa.