Pablo Díaz, director técnico da Gimnástica: "Temos claro que somos un equipo modesto, moi competitivo pero modesto"

Pontevedra
08 de maio 2013

O conxunto pontevedrés aspira a certificar a permanencia do seu equipo masculino na máxima categoría do atletismo nacional o próximo sábado 18 de maio en Burgos despois dun bo papel na primeira xornada da competición. A Gimnástica situouse oitava na clasificación provisional

Despois do segundo posto do seu grupo na primeira xornada da División de Honra Masculina detrás do Marathon Madrid, a Sociedad Gimnástica aspira o próximo día 18 a certificar a súa permanencia na máxima categoría do atletismo nacional na cita que se celebra en Burgos. Ata o momento para Pablo Díaz, director técnico do club, o rendemento está a ser moi positivo.

Pasada a primeira xornada de competición que destacarías e que cres que hai que mellorar?

Destacaría o carácter gañador do equipo, que aínda que se ía con moitas baixas, todos competiron ao máximo das súas posibilidades. Ao final, os mellores estiveron nos postos cabeceiros e o resto soubo estar diante dos que nos xogabamos os puntos. E mellorable, recuperar a xente que non estivo por lesión, espero que nas seguintes citas poidan estar todos e ter problemas á hora facer a convocatoria por ter 'overbooking'.

Ata once atletas debutaron en División de Honra en Aranjuez, é unha revolución?

Podemos dicir que é unha renovación pero non revolución. Contabamos con cinco ou seis posibles debutantes de xente que fichamos, pero as baixas por lesión fixeron que algunha xente subise o equipo por necesidade. Ademais dos once cinco foron galegos e da casa, saíndo de categorías inferiores. Co que quedo é que a pesar das incorporacións, o bloque e columna vertebral do equipo segue sendo practicamente o mesmo. Gustaríame facer unha chamada de axuda a todos os que nos apoian, para que o sigan facendo como ata agora, xa que o relevo xeracional non é doado, para sacar atletas novos necesitamos adestradores e apoios a estes, infraestruturas, instalacións, convenios, colexios, escolas e remuneración para todo isto. Estase a facer ben, queremos que siga así e temos medo que pola situación económica pasen oportunidades que despois poderiamos chegar a botar de menos.

Como ves a próxima xornada en Burgos contra o equipo local, o Universidade de Burgos, Unicaja Jaén e Barcelona?

A priori preséntase moi axustado. Queremos estar na loita polo segundo posto que nos aseguraría entrar nos oito mellores equipos, estar na xornada final polo título e o máis importante ter a permanencia asegurada. Se quedamos terceiros teremos que esperar resultados doutros encontros. O Burgos parece o equipo máis frouxo, pero o feito de competir na casa fai que poidan ser perigosos. O rival máis directo creemos que é o Unicaja, teñen un equipo forte e compensado, e o Barcelona ao seu. Esperamos recuperar polo menos a tres ou catro atletas lesionados, en concursos e fondo, aínda que perdemos os nosos dous marchadores xa que se clasificaron para a Copa de Europa de marcha, Marc Tur como Júnior, e Alex Studer con Suíza. Esperamos poder librarnos, pero se tivésemos que ir á final para evitar o descenso temos equipo abondo para ser dos mellores nesa xornada. Temos claro que somos un equipo modesto, moi competitivo pero modesto.