Pau para o Pontevedra: Juanra ten roto o ligamento cruzado do seu xeonllo

Pontevedra
18 de novembro 2025
Actualizado: 17:24

Os peores presaxios confirmáronse co defensor granate, que se perde o que resta de tempada por lesión. É a cuarta rotura de cruzado en pouco máis dun ano no equipo pontevedrés

Juanra retírase en padiola tras lesionarse no partido entre Pontevedra e Mérida Cristina Saiz

Malas noticias no Pontevedra Club de Fútbol en forma de lesión grave.

Juanra non volverá xogar esta tempada cos granates ao confirmarse os peores presaxios tras caer lesionado o pasado sábado no encontro de liga contra o Mérida en Pasarón.

Sucedeu no minuto 49 de xogo, nun mal apoio cando disputaba un balón dividido cun rival.

O defensor, que volvera ao once inicial pola sanción de Miki Bosch, ten roto o ligamento cruzado do seu xeonllo esquerdo.

Así o confirmou a resonancia magnética á que foi sometido, e a pesar de que as primeiras exploracións no propio estadio facían albergar certo optimismo. Así o chegou a recoñecer mesmo en rolda de prensa Rubén Domínguez afirmando que non parecía "ser nada grave".

Por desgraza non foi así, e Juanra deberá pasar polo quirófano antes de afrontar unha recuperación que se estima entre os 6 e os 8 meses.

É unha perda sensible para o equipo granate, e é que a pesar de non ser un titular habitual no once era un fiutbolista que acumulaba minutos e participacións importantes no que vai de tempada. Disputou en concreto oito partidos entre Liga e Copa, cinco deles como titular.

CUARTA ROTURA DO CRUZADO EN 13 MESES

A temida rotura do ligamento cruzado do xeonllo persegue nos últimos meses o Pontevedra dunha maneira que nin os máis veteranos lembran.

A de Juanra é de feito a cuarta lesión destas características que se produce no club granate en pouco máis dun ano. Sucedeulle a pasada tempada, en outubro de 2024 a Churre, antes de final de ano a Jesús Cambil e no tramo final da competición a Pelayo Suárez.