A ventá invernal de fichaxes pechou oficialmente este luns 3 de febreiro, e fíxoo sen sorpresas de última hora no Pontevedra Club de Fútbol.
A entidade granate, que recoñeceu movementos para tentar incorporar un centrocampista tras a lesión de Cambil, non chegou a concretar esa operación antes de que finalizase o prazo.
"Coa lesión de Cambil desde un primeiro momento sempre se valorou a opción do mediocentro", revelou de feito o pasado venres o adestrador do equipo, Yago Iglesias, aínda que apuntando que "aí apareceu Rares" cunha boa actuación fronte ao Compostela que desactivou a urxencia de acometer esa última contratación.
Aínda así nos despachos seguíronse producindo xestións e movementos que finalmente se terminaron por descartar.
Neste sentido coas contratacións de Brais Abelenda e Miguel Cuesta, ambos os dous futbolistas sénior, era obrigado mirar ao mercado sub-23, sempre máis complicado, para esa peza que completase o plantel na zona medular se non se producían saídas, como así foi.
"As dúas fichaxes, tanto de Brais como de Miguel, achégannos solucións, dannos fondo de armario e sobre todo a nivel táctico-futbolístico, creo que nos van a axudar moito", valorou a pasada semana Yago.
Con eles e até final de tempada serán 20 os futbolistas con ficha no primeiro plantel granate, quedando vacante algunha licenza para menores de 23 anos.
Foi en todo caso un mercado bastante produtivo para o Pontevedra, ao incorporar dous futbolistas con ritmo de xogo, que non tardaron en debutar con minutos importantes sobre o céspede e no caso de Abelenda procedente mesmo de superior categoría, e que contrasta co sucedido nalgunhas das campañas anteriores.
De feito o ano no que os pontevedreses terminaron ascendendo a Primeira RFEF (21/22) non realizaron ningún movemento invernal.
Si o fixeron o seguinte ano incorporando a Derik Osede, Gonzalo Bueno e Javi Robles, con futbolistas que non chegaron a ter gran peso no equipo, mentres que a pasada campaña contratouse a un case inédito Azael García, ademais de repescar ao senegalés Guèye no tramo final da competición.
Onde si se produciu un movemento de útlima hora foi no principal rival do Pontevedra polo ascenso, o Numancia, que pasadas as 23.00 horas da noite do luns confirmou a fichaxe do dianteiro Carlos González, procedente do Atlético Sanluqueño de Primeira RFEF.