Polémica polas entradas do Coruxo-Pontevedra

Pontevedra
15 de marzo 2022

A decisión do club vigués de fixar en 20 euros a entrada para o público adulto non sentou nada ben na afección granate, que planeaba o seu desprazamento e agora en moitos casos déixao no aire. O presidente coruxista, Gustavo Falque, asegura que "un máximo de 125 ou 130 poderiamos dispoñer para a afección do Pontevedra"

Afección do Pontevedra no partido ante o Coruxo no Vao da tempada 18-19 Diego Torrado

A decisión do Coruxo de fixar en 20 euros o prezo da entrada para o público adulto (10 euros os menores de 15 anos) para o derbi provincial que lle enfrontará o vindeiro domingo 20 (18.00 horas) ao Pontevedra Club de Fútbol no Estadio do Vao non caeu nada ben na afección granate.

Os seguidores do Pontevedra quéixanse amargamente dos 5 euros 'extra' no custo do billete conforme ao que se foi cobrando ao longo da tempada entre os diferentes equipos galegos presentes na Segunda RFEF, e de feito moitos deles afirmaron a través das redes sociais, contestando á publicación do propio Coruxo, que desistirán da idea de viaxar a Vigo para ver o partido e apoiar ao seu equipo.

A este respecto, no que será o primeiro partido do Coruxo esta tempada no Vao, o presidente do club vigués, Gonzalo Falque, sinalou no programa provincial de Deportes Cope que cunha capacidade total de 1.200 entradas para o choque "cremos que un máximo de 125 ou 130 poderiamos dispoñelas para a afección do Pontevedra".

Falque explicou que será necesario realizar unha reserva previa de entrada poñéndose en contacto co club defendendo que se trata ademais dun prezo "que acordamos en xunta directiva", e  apuntillando que "creo que os afeccionados do Coruxo que foron ao campo do Pontevedra nunca pagaron menos de 20 euros e o partido é o mesmo".

Esta última afirmación é facilmente desmontable, xa que os prezos para o derbi da primeira volta en Pasarón foron de 15 euros a entrada para os fondos e a bancada de Preferencia e de 25 euros só na de Tribuna.