Pontevedra sitúase ao nivel dos cinco países con maior actividade deportiva

Pontevedra
05 de febreiro 2025
Actualizado: 16:55

Unha enquisa realizada polo Clúster do Deporte Galego mostra que o 50,13 % da poboación da cidade de Pontevedra camiña máis de trinta minutos ao día sete días á semana

Xente paseando pola Illa das Esculturas
Xente paseando pola Illa das Esculturas / Mónica Patxot

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, xunto aos responsables do clúster de deporte galego Pedro Iglesias e Sofía Toro, presentaron este mércores o Informe de hábitos saudables 2024 no municipio de Pontevedra.

O estudo, froito dun convenio do clúster co Concello de Pontevedra, céntrase na actividade deportiva e busca comparar os seus datos cos existentes no ámbito estatal e galego.

O informe demostrou que o 70% da poboación pontevedresa camiña máis de 10 minutos diarios, duplicando a media galega e superando en 20 puntos á estatal.

En concreto, o 50,13 % da poboación da cidade de Pontevedra camiña máis de trinta minutos ao día sete días á semana.

Esta elevada proporción de desprazamentos a pé relaciónase co modelo urbano peonil implementado no municipio, que busca motivar á poboación a camiñar.

Pedro Iglesias, o presidente do Clúster do Deporte Galego, recalcou que "os datos de Pontevedra son realmente bos e aí influíu moito tamén o modelo de cidade".

No ámbito deportivo, revelouse que case un 60% da poboación do concello practica deporte polo menos unha vez á semana, superando a media galega (46,1%).

Ademais, os datos reflectidos na enquisa realizada polo Observatorio do Clúster, mostran, segundo apuntou Sofía Toro, que as persoas abonadas a ximnasios duplican a media estatal (40,4% fronte a un 21,3%).

Miguel Anxo Lores, Sofía Toro e Pedro iglesias presentando o Informe de hábitos saludables 2024
Miguel Anxo Lores, Sofía Toro e Pedro Iglesias presentando o Informe de hábitos saudables 2024Concello de Pontevedra

Pola súa banda, Lores resaltou que "me resulta agradable ver que a xente non pensa que haxa déficit de instalacións deportivas e especialmente ao aire libre" ao observar a enquisa, engadindo que, a pesar diso, é unha obsesión do goberno local seguir creando equipamentos deportivos.

Todos estes datos sitúan á cidade do Lérez nos mesmos parámetros dos cinco países con maior actividade deportiva: Finlandia, Dinamarca, Suecia, Luxemburgo e Países Baixos.

Datos de práctica deportiva en Pontevedra
Datos de práctica deportiva en PontevedraClúster do Deporte Galego

Con todo, Pontevedra posúe unha taxa de 33,6% de inactividade e búscase alcanzar o nivel deses mesmos países (20%).

Os representantes do clúster destacaron unha gran concienciación cidadá sobre a importancia do deporte e os estilos de vida saudables, e a existencia dun excelente ecosistema deportivo na cidade con equilibrio entre entidades e instalacións deportivas.

Recalcouse a importancia de mellorar a calidade de vida, explicando que un dos obxectivos é que o SERGAS poña en marcha unha receita deportiva para os pacientes nas que non só se aconselle a práctica de deporte senón que indique actividades físicas concretas para cada persoa.

Resultados da enquisa sobre persoas que camiñan
Resultados da enquisa sobre persoas que camiñanClúster do Deporte Galego
Barreiras que impiden a práctica deportiva en Pontevedra
Barreiras que impiden a práctica deportiva en PontevedraClúster do Deporte Galego