A volta ao traballo para o Pontevedra, despois do triunfo deste domingo ante o Somozas, tivo un sabor agridoce no plantel granate.
Por unha banda a satisfacción da boa marcha ligueira, estando a un punto do play-off de ascenso e con dez de vantaxe sobre o descenso, fai que o ambiente no vestiario sexa inmellorable, pero polo outro o equipo adestrado por Luisito tivo que pagar unha peaxe cara polos tres puntos.
Tres partidos oficiais en só oito días pasou factura aos futbolistas e a enfermaría encheuse de inquilinos.
Todos os cambios que fixo por Luisito ante o Somozas foron por lesión, e no primeiro adestramento da semana a preocupación era coñecer o seu estado.
O peor parado foi Álex Fernández, aínda que a primeira exploración á que foi sometido convida a certo optimismo xa que ao principio temeuse por unha lesión de longa duranción. O centrocampista sofre como mínimo unha rotura muscular considerable na zona isquiotibial, polo que no mellor dos casos estará mes e medio afastado dos terreos de xogo. O mércores será sometido a máis probas para determinar o alcance exacto da doenza.
Pola súa banda os outros dous cambios, Pablo e Jacobo, arrastran lesións de menor grao. No caso do central sofre un pequeno racho no tendón rotuliano, mentres Jacobo retirouse ao volver sentir molestias musculares na zona que xa lle mantivo de baixa varias semanas. A pesar de non ser nada extremadamente grave a súa participación en Valladolid o vindeiro sábado parece moi complicada, mentres Pablo está descartado para o choque.
Aínda por riba Miki abandonou a sesión celebrada no campo de Príncipe Felipe con problemas musculares.
VIAXE ORGANIZADA A VALLADOLID
Aproveitando a boa marcha do equipo en liga, o Pontevedra anunciou a organizaión dunha viaxe para que os seus afeccionados poidan presenciar o encontro do próximo sábado (15:45 horas) no campo do Real Valladolid B.
O prezo do autocar será de 22 euros, ao que hai que sumar o prezo da entrada, saíndo o autocar ás 9:00 horas do sábado desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar tras o partido.
Os interesados poden anotarse ata as 14:00 horas do venres nas oficinas que o club ten no Estadio Municipal de Pasarón.