Presentada en Meis a I Carreira Solidaria de Leo

O Salnés
02 de setembro 2023

A xornada solidaria, na que se recadarán fondos para axudar a persoas que sofren enfermidades raras, terá lugar o vindeiro domingo 1 de outubro no Mosteiro

Presentación da I Carreira Solidaria de Leo
Presentación da I Carreira Solidaria de Leo / Xunta de Galicia

O Mosteiro, en Meis, será escenario o vindeiro domingo 1 de outubro da I Carreira Solidaria de Leo.

Trátase dunha iniciativa solidaria que ademais de tratar de recadar fondos pretende render homenaxe ao pequeno Leo, que faleceu o pasado ano e que padecía déficit de proteína B de surfactante. 

O obxectivo, aseguran, é dar visibilidade, apoiar e recadar fondos que axuden a mellorar a calidade de vida de nenos e nenas que padecen enfermidades raras, severas ou crónicas.

Organizada pola asociación A Baralla, a xornada dará comezo ás 10.00 horas da mañá cunha andaina de 6,5 quilómetros.

Xa a partir das 11.00 será a quenda da parte deportiva con carreiras de categorías inferiores, e ás 12.15 horas disputarase a proba absoluta cun percorrido de 5.000 metros.

As inscricións poderán formalizarse ata o próximo 27 de setembro a través da páxina web www.carreirasgalegas.com.

Na presentación do evento participaron o director deportivo da proba, Víctor Riobó; a directora sociosanitaria e responsable de acollida da Federación Galega de Enfermidades Raras, Carmen López; a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tápias; a Alcaldesa de Meis, Marta Giráldez; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.