Primeiros reforzos para o novo proxecto do Pontevedra en Segunda B

Pontevedra
21 de xullo 2015

O club granate presenta a Álex Fernández, Jandrín e Miky como as súas primeiras fichaxes. Todos eles asinan por unha tempada e iniciarán os adestramentos este mércores co resto do equipo. No apartado de baixas, Jorge Rodríguez chegou a un acordo para rescindir o ano de contrato que o unía ao Pontevedra

Jandrín, Miky e Álex Fernández na súa presentación co Pontevedra
Jandrín, Miky e Álex Fernández na súa presentación co Pontevedra / PontevedraViva

A poucas horas do inicio oficial da pretempada, que comeza este mércores cunha dobre sesión de adestramento en Príncipe Felipe, o Pontevedra presentou ás súas primeiras fichaxes, e o fixo por partida tripla.

Álex Fernández, Jandrín e Miky posaron no Estadio Municipal de Pasarón coa súa nova camisola valorando como un paso adiante a súa chegada ao club da cidade de Lérez, co que se comprometen por unha tempada.

O primeiro deles, Álex Fernández, é tamén o máis veterano dos tres. Trátase dun centrocampista ourensano que chega procedende do Coruxo "con moita ilusión" no que ve como "un reto moi importante, quizais o máis importante da miña carreira".

Álex, que xa coincidiu con Luisito no Ourense, avanza que ao seu modo de ver "este club ten que ter ambición pero dende un punto de vista humilde".

Pola súa banda Alejandro Blanco, coñecido futbolísticamente como Jandrín, é un xogador de banda asturiano que a última campaña militou no Real Avilés, no que viviu "un año muy complicado" que rematou co descenso do equipo a Terceira.

Jandrín vivirá a súa primeira experiencia fóra de Asturias, tras pasar pola canteira do Oviedo e polo Marino de Luanco, e ve en Pontevedra "un sitio increíble" e unha oportunidade "de venir a un club histórico".

Tamén se mostrou satisfeito Miky, futbolista de só 18 anos, tamén de banda, que chega ao club granate dende o Rápido de Bouzas en "unha oportunidade que non podía deixar pasar. Isto é un escaparate incrible".

Lupe Murillo: "Vamos a salir con uno de los presupuestos medio-bajos de la categoría pero con ilusión"

Son as tres primeiras chegadas pero non serán as últimas, xa que a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, recoñeceu que traballan na contratación de "dos senior y puede que dos sub-23".

De todos os xeitos a dirixente quixo recordar que "las bajas serán pocas" e que o equipo granate sairá "con uno de los presupuestos medio-bajos de la categoría pero con ilusión".

ACORDO CON JORGE RODRÍGUEZ

Esta semana está a resultar frenética nas negociacións abertas cos xogadores que non entran nos plans de Luisito, ata o punto que a propia Lupe Murillo recoñeceu que "no sabemos cuántos jugadores empiezan mañana la pretemporada".

O que seguro non se vestirá de curto será un dos heroes do ascenso, Jorge Rodríguez, que chegou a un acordo co club para rescindir o contrato que o unía coa entidade durante un ano máis.

Por outra parte séguese a negociar a saída de Álvaro Muñiz, Miguel Centrón e Fran Fandiño, sendo este último o único que marchará en calidade de cedido.