Será unha auténtica 'final' polo ascenso, e por iso o Pontevedra Club de Fútbol quere que as bancadas do Estadio Municipal de Pasarón estean o máis cheas posible para levar polo aire o seu equipo.
O club granate activou este luns a venda de entradas para o duelo ante o Numancia do próximo domingo 26 de xaneiro (17.00 horas), un partido que medirá o primeiro e o segundo clasificado.
Fíxoo lanzando unha promoción á que poderán acceder os seus abonados, aínda que puntualiza que unicamente acudindo ás oficinas de Pasarón.
Cada socio do Pontevedra poderá facerse cun 'pack' de dúas entradas para a súa mesma bancada por só 10 euros, até esgotar existencias.
Unha medida coa que se pretende superar a mellor entrada da tempada en liga, a vivida este pasado domingo contra o Compostela (3.312 espectadores).
En canto ao prezo xeral das localidades, mantense o habitual nos encontros de liga con 12 euros nos fondos, 15 euros en Preferencia e 20 euros en Tribuna para o público adulto.
Pola súa banda as entradas de categoría xuvenil fixáronse en 10 euros en fondos e Preferencia e 15 euros en Tribuna.
Os nenos e nenas de 0 a 6 anos contarán coa entrada de balde.