O mal arranque de tempada, con dúas derrotas en liga e eliminación na Copa do Rei, obriga ao Pontevedra a reaccionar na terceira xornada da competición regular.
Os granates volverán enfrontarse, do mesmo xeito que na pasada xornada e no torneo do K.O., a un equipo recentemente ascendido, e fano coa necesidade de mellorar a súa imaxe e buscar unha vitoria a domicilio que se resiste en liga desde o 5 de marzo, cando venceron ao Lealdade de Villaviciosa.
É outra tempada e outra historia, pero o que é seguro é que os de Luisito visitan un campo que nas últimas campañas, durante o periplo do equipo pola Terceira División, non se caracterizou por ser precisamente alcanzable.
O Pontevedra acode este domingo (17:00 horas, TVG2) ao estadio do Roxo para xogar ante un Cerceda que debuta na categoría tras o seu ascenso este verán nos despachos, aumiendo a praza do Boiro.
Durante os seus catro anos en Terceira o conxunto de Pasarón só sumou un triunfo en chan coruñés, na campaña 2012/2013, curiosamente como nesta ocasión na terceira xornada de liga. O resto de encontros saldáronse con tres vitorias locais.
O Cerceda, que alcanzou un acordo de filialidade co Lugo que lle permitiu afrontar o pago pertinente para confirmar o seu ascenso, chega á cita con tres puntos no seu haber despois de caer na casa ante o Navalcarneo (0-1) e gañar pola mínima a pasada semana en Guijuelo.
Será o terceiro partido nunha semana para os de Luisito, que todo apunta variará pezas no once inicial. Na convocatoria en todo caso entran todos os futbolistas do primeiro plantel a falta dos descartes que realizará o técnico a última hora.
O colexiado do encontro será Leandro Carbajales Gómez, terceiro árbitro da delegación terriotial asturiana co que se cruza o Pontevedra noutras tantas xornadas de liga.