O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polos vicepresidentes Rafa Domínguez e Luisa Sánchez , recibiu este luns no Pazo provincial aos integrantes do Pontevedra CF para felicitalos polo ascenso a Primeira RFEF conseguido o pasado domingo.
"Quero darvos os parabéns polo temporadón que fixestes, polos valores que transmitides e, por suposto, por ese merecido ascenso", recoñeceu o mandatario provincial, quen entregou unha placa conmemorativa á presidenta da entidade, Lupe Murillo.
No vestíbulo do Pazo provincial, o presidente Luis López felicitou a todos os xogadores, membros do corpo técnico, directivos e traballadores do club pola vitoria do pasado domingo fronte ao Laredo, que supuxo o ascenso matemático á Primeira RFEF e o broche de ouro a unha tempada extraordinaria.
"De inicio a fin foi unha tempada excepcional: corpo a corpo contra un equipazo como o Numancia, na Copa do Rei destes unha lección e cun estilo de xogo que xa lle gustaría a moitos equipos", valorou o dirixente, quen tamén tivo palabras de agarimo para Víctor Vázquez, Jesús Cambil e Pelayo Suárez, tres xogadores que se lesionaron de gravidade neste curso. "Volveredes máis fortes", desexoulles López.
Así mesmo, tamén puxo en valor o labor que está a facer a presidenta Lupe Murillo. "É unha gran sufridora e en todos os proxectos nos que se embarca sempre o dá todo", enxalzou.
A Deputación, que é o principal patrocinador do club, seguirá sendo un apoio sólido para o Pontevedra CF, asegurou o presidente provincial.

"Somos a provincia do deporte grazas a equipo coma o Pontevedra", afirmou o dirixente, quen expresou o orgullo da provincia polo traballo realizado ao longo do ano.
"Parabéns polo ascenso e hai que roelo", concluíu o presidente Luis López.