A pouco máis dun mes de que se celebre en Pontevedra o Open Nacional de Primavera de natación, no que estarán en xogo os billetes para o Campionato do Mundo de Budapest, Bea Gómez demostrou estar nun bo momento de forma dentro do seu plan de preparación.
A nadadora pontevedresa viaxou xunto ao Equipo Nacional ata a localidade francesa de Marsella para participar durante a fin de semana no Meeting Open Mediterraneé, e a cita non puido ser máis positiva.
Bea sumou unha medalla de prata que reforza a súa moral e empeza a deixar en segundo plano os problemas físicos que sufriu no último ano.
A deportista do Club Natación Galaico foi segunda nos 200 estilos, cun tempo de 2:15.48, só superada pola estrela húngara Katinka Hosszu (2:14.39) e superando á mismísima Mireia Belmonte, que foi cuarta nesta proba (2:16.06).
Ademais deste segundo posto, Bea Gómez foi cuarta nos 400 estilos, cunha marca de 4:45.56.