Reto europeo para Águeda Cons en Copenhague

Pontevedra
06 de decembro 2017

Tras descansar no recente Campionato de España de Inverno a xove nadadora pontevedresa afrontará do 13 ao 17 de decembro o Europeo de Piscina Curta na capital danesa, primeiro gran reto internacional que afronta dentro do equipo nacional absoluto

Águeda Cons durante unha competición en Pontemuiños
Águeda Cons durante unha competición en Pontemuiños / Mónica Patxot

Descansou no recente Campionato de España de Inverno celebrado en Barcelona, coa mente posta en preparar o que será o seu primeiro gran reto co equipo nacional absoluto, o Europeo de Piscina Curta que terá lugar en Copenhague do 13 ao 17 de decembro.

Águeda Cons xa contaba coas marcas mínimas esixidas para tomar parte na competición na capital danesa, polo que centrou a súa preparación para estar a pleno  redimiento nesta cita.

A moza nadadora do Galaico afrontará dúas probas no Campionato de Europa, os 400 e os 800 libre.

Empezará a súa participación o primeiro día de competición na distancia longa, coas eliminatorias, mentres a final disputarase un día despois, o xoves 14 de decembro. Pola súa banda para o 400 libre deberá esperar á última xornada do Europeo, o domingo 17, con preliminares en horario matinal e a final pola tarde.

O equipo nacional contará con dúas importantes baixas, as de Mireia Belmonte e Hugo González, quedando composto ademais de por Águeda Cons por Evelyn Álvarez (CN Terrassa), Melani Costa (CN Terrassa), Marina García (CN Sabadell), Lidón Muñoz (CN Sant Andreu), Jessica Vall (CN Sant Andreu), África Zamorano (CN Sant Andreu), Joan Lluís Pons (CN Palma) e Marc Sánchez (CN Sabadell).

En canto ao equipo técnico, contará ademais coa presenza de Luisa Domínguez, adestradora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.