Descansou no recente Campionato de España de Inverno celebrado en Barcelona, coa mente posta en preparar o que será o seu primeiro gran reto co equipo nacional absoluto, o Europeo de Piscina Curta que terá lugar en Copenhague do 13 ao 17 de decembro.
Águeda Cons xa contaba coas marcas mínimas esixidas para tomar parte na competición na capital danesa, polo que centrou a súa preparación para estar a pleno redimiento nesta cita.
A moza nadadora do Galaico afrontará dúas probas no Campionato de Europa, os 400 e os 800 libre.
Empezará a súa participación o primeiro día de competición na distancia longa, coas eliminatorias, mentres a final disputarase un día despois, o xoves 14 de decembro. Pola súa banda para o 400 libre deberá esperar á última xornada do Europeo, o domingo 17, con preliminares en horario matinal e a final pola tarde.
O equipo nacional contará con dúas importantes baixas, as de Mireia Belmonte e Hugo González, quedando composto ademais de por Águeda Cons por Evelyn Álvarez (CN Terrassa), Melani Costa (CN Terrassa), Marina García (CN Sabadell), Lidón Muñoz (CN Sant Andreu), Jessica Vall (CN Sant Andreu), África Zamorano (CN Sant Andreu), Joan Lluís Pons (CN Palma) e Marc Sánchez (CN Sabadell).
En canto ao equipo técnico, contará ademais coa presenza de Luisa Domínguez, adestradora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.