Ribadumia e Caldas, protagonistas da nova edición da Volta a Galicia de ciclismo

O Salnés
05 de setembro 2025

Esta Volta a Galicia, que terá catro etapas, renderá homenaxe ao ex ciclista profesional Samuel Blanco, gañador da proba no ano 2016, despois da súa retirada do ciclismo profesional

Presentación da 23ª edición da Volta a Galicia
Presentación da 23ª edición da Volta a Galicia / Federación Galega de Ciclismo

Dezasete equipos disputarán, entre os días 11 e 14 de setembro, a edición número 23 da Volta a Galicia, unha competición que está destinada a corredores das categorías elite e sub-23.

Serán, en total, catro etapas con finais en Ribadumia, Caldas de Reis, Barreiros e Ferrol.

Esta Volta a Galicia, ademais, renderá homenaxe ao ex ciclista profesional Samuel Blanco, gañador da proba no ano 2016, despois da súa retirada do ciclismo profesional.

A primeira das catro xornadas, o xoves 11 de setembro, terá como escenario o concello pontevedrés de Ribadumia. A Volta abrirá cunha contra o reloxo individual de 7,3 quilómetros nun terreo case por completo chairo.

O segundo día, de novo na provincia de Pontevedra, Caldas de Reis exercerá de saída e meta dun percorrido de 138 quilómetros con catro portos puntuables para a clasificación da montaña, dous deles dentro dos últimos 20 quilómetros.

Nese treito final os ciclistas subirán primeiro Lobeira e despois O Pousadoiro, que se coroará a 7 quilómetros para a conclusión da etapa.

A terceira tirada levará á caravana da Volta ata o concello de Barreiros, na Mariña lucense, para celebrar a etapa raíña. Nun itinerario de 147 quilómetros acumularanse máis de 2.500 metros de desnivel, a maioría na parte final cos altos de Augaxosa, Fórnea e Monte Comado.

A coroación do vencedor da xeral terá lugar o domingo en Ferrol, nun fermoso fin de festa con chegada ao carón do mar. O trazado de 130 quilómetros inclúe dous pasos intermedios pola cidade e nese circuíto final ascenderase o alto da Bailadora antes de concluir no porto de Ferrol.     

Con respecto aos equipos participantes, estarán na liña de saída dezasere formacións, entre elas tres escuadras internacionais.

Destaca a representación galega con oito conxuntos: Cortizo, Vigo-Rias Baixas, Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Lasal Cocinas ODL, Maxge Ambilamp, Club Ciclista Vigués e Team Oiense.

Estarán tamén estruturas de gran nivel no ámbito estatal como Caja Rural ALEA, Extremadura Pebetero, Gomur, Torres Sobato, Technosylva Maglia Rower Bembibre e Telco ON Clima Osés.

E, por último, desde Portugal chega o Maia Earth Consulters e desde Italia os outros dous equipos, o Campana Imballagi e a Ciclistica Rostese.

En cada xornada entregaranse as camisolas de líder ao primeiro na clasificación xeral. Será o maillot amarelo patrocinado pola Xunta de Galicia.

Tamén haberá recoñecementos ao rei da montaña, coa camisola branca a puntos vermellos; ao mellor galego, coas cores branca e azul da bandeira autonómica; o maillot verde das metas voantes; e o azul de primeiro sub-23.