Rubén Domínguez renova por unha tempada máis como adestrador do Pontevedra

Pontevedra
09 de xuño 2026

O club granate confirmou este martes a renovación do técnico e do seu segundo, Adrián Abalo, que seguirán á fronte do banco de Pasarón para a tempada 26-27

Rubén Domínguez no partido contra o Barakaldo no Municipal de Pasarón
Rubén Domínguez no partido contra o Barakaldo no Municipal de Pasarón / Cristina Saiz

Fumata branca no banco do Pontevedra Club de Fútbol.

A entidade granate confirmou este martes o acordo alcanzado con Rubén Domínguez para a súa renovación como adestrador do primeiro plantel por unha tempada máis.

O técnico ourensán seguirá ademais acompañado do seu segundo, Adrián Abalo.

O Pontevedra busca desta forma dar continuidade "a un proxecto deportivo que consolidou unha identidade competitiva, ambiciosa e plenamente aliñada cos valores da entidade", sinala o comunicado do club.

"Con esta renovación, a entidade reafirma o seu compromiso coa estabilidade, a planificación a longo prazo e a construción dun proxecto que siga ilusionando a toda a familia granate, para que o club continúe loitando por todos, con todos e ante todo", afirma o Pontevedra.

Rubén Domínguez afrontará desta forma a súa segunda tempada na casa granate, á que chegou hai un ano co reto de afrontar a esixencia da Primeira RFEF.

Un ano despois, e tras lograr o obxectivo marcado da permanencia chegando mesmo a ilusionar á cidade até o último minuto coa posibilidade de disputar o play-off de ascenso a Segunda División, renova os seus votos co banco de Pasarón.

É o primeiro e importante paso na planificación da próxima tempada, antes de involucrarse plenamente na confección dun plantel que conta polo momento con só cinco pezas confirmadas ao contar con contrato en vigor, como son Yelko Pino, Marqueta, Compa, Vidorreta e Expósito.