Rubén Domínguez, satisfeito por "honrar o escudo" na Copa: "Este equipo ten alma"

Pontevedra
30 de outubro 2025

O adestrador do Pontevedra cre que fixeron "méritos suficientes" para eliminar a UD Ourense sen ter que chegar á prórroga e penaltis, pero xa mira con ilusión á segunda rolda

Partido entre Pontevedra CF e Cacereño en Pasarón

"Non sei como explicar o partido de hoxe".

Con esta frase, aínda asimilando o vivido, arrincou a comparecencia de Rubén Domínguez no Couto tras superar, na quenda de penaltis, a primeira eliminatoria da Copa do Rei fronte á UD Ourense.

"Tentámolo de todas as maneiras e xusto da maneira máis fea é como entra o gol. Creo que durante o partido fixemos méritos suficientes para non chegar á prórroga. É certo que os primeiros 15 minutos igual non entramos do todo ben porque ao final a UD Ourense estaba con enerxía excitada, a súa xente empuxando e tiveron ese gol de falta lateral, pero creo que hai que darlle moito valor a como se recompuxo o equipo, como creu até o final", analizou o técnico granate.

De feito Rubén quixo resaltar un detalle: "Fixarvos como celebraron o gol, como se reunían nas prórrogas. Este equipo ten alma e vaino a seguir mostrando até o final", asegura sobre un Pontevedra "que nunca se rende, hai que roelo. Gústame cando a afección empeza a cantalo porque nos identificamos, moito con iso".

Tamén foi especial a presenza numerosa de afeccionados pontevedreses, porque "conectamos outra vez coa nosa xente, coa cidade de Pontevedra, e van ter un partido bonito para gozar. Aí van saber o que é Pasarón os que veñan", avanza o preparador.

Ademais quixo resaltar o papel de xogadores que até a data tiveran menos oportunidades, ou mesmo estaban inéditos como o caso de Edu Sousa e que "viñeron a un escenario difícil e foron protagonistas"

Por todo iso mostrouse satisfeito especialmente por "honrar o escudo. Eu creo que estes mozos están a honrar o escudo".

Agora, xa no bombo da segunda rolda, só queda "esperar con ilusión o sorteo e que Pasarón se encha".