"Sabemos da importancia do partido", asegura Yago Iglesias antes de recibir o Numancia

Pontevedra
24 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:56

Aínda que o adestrador do Pontevedra cre que "non é definitivo", recoñece que "somos conscientes de que se gañamos damos un paso adiante" no obxectivo de lograr o ascenso de categoría

Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra CF e SD Compostela en Pasarón
Yago Iglesias, no partido entre Pontevedra CF e SD Compostela en Pasarón / Cristina Saiz

"Quedan moitas xornadas por diante, pero é importante. Sabemos da importancia do partido", asegura Yago Iglesias ante a visita do Numancia este domingo 26 de xaneiro (17.00 horas) ao Estadio Municipal de Pasarón.

Cre o técnico que o encontro "non é definitivo", pero resulta complicado non falar sobre a importancia que pode ter no obxectivo de lograr a final de tempada o ascenso de categoría.

"Isto é unha carreira de fondo", defende Iglesias, pero "somos conscientes de que se gañamos damos un paso adiante" porque "é certo que é un partido de primeiro contra segundo, que pode ter consecuencias na clasificación final".

O preparador granate ten en todo caso aínda en mente o duelo da primeira volta, con derrota por 2-0 en Soria, e é que o Numancia "demostrounos o potencial que ten. Espera un partido moi complicado".

No que respecta ao rival trátase de "un equipo super competitivo. Está a facer unha tempada espectacular, ten un bloque e un fondo de armario de moito nivel e está a render moi, moi, ben", analizou engadindo que "sobre todo de portas para fóra o que transmite é solvencia e seguridade".

Yago recoñece que a choiva e o estado do terreo de xogo poden xogar un papel o domingo, aínda que "máis que condicionar o estilo de xogo, vai condicionar o como se desenvolve o partido".

"Adaptarémonos", asegura o adestrador do Pontevedra, e é que aínda que "nós somos un equipo que ten unha idea de xogo moi definida", de chegar o caso, "temos alternativas para sen deixar de ser nós mesmos adaptar algúns comportamentos ou algúns mecanismos acordes ao terreo de xogo".

O técnico, que revelou na súa comparecencia as dúbidas que existen sobre o estado físico de Dalisson, tamén se referiu á situación do recentemente chegado Brais Abelenda, que xa gozou de minutos contra o Compostela. No caso do atacante "está perfectamente para xogar 90 minutos, para entrar de inicio, pero outra cousa é que nós o creamos oportuno porque aínda ten que engancharse ao equipo, ten que entender o que queremos e saber que cousas pedimos en segundo que posición poida xogar", explicou.