Segunda medalla para Águeda Cons no Nacional de Piscina Curta cunha prata nos 800 libre

Pontevedra
18 de decembro 2016

A nadadora pontevedresa do Galaico pechou unha brillante participación no Campionato de España de Inverno en Sabadell coa súa segunda medalla na categoría absoluta

Águeda Cons posa co ouro logrado no Nacional de Piscina Curta en Sabadell
Águeda Cons posa co ouro logrado no Nacional de Piscina Curta en Sabadell

Águeda Cons foi a mellor noticia para o Club Natación Galaico no Campionato de España de Piscina Curta disputado durante a fin de semana en Sabadell.

A nadadora pontevedresa confirmouse como unha das grandes promesas da natación nacional cunha brillante actuación. 

Se o venres inaugurou a competición cun ouro no 1.500 libre en categoría absoluta, a deportista do Galaico pechou este domingo a súa presenza no Nacional de Inverno cunha segunda medalla, nesta caso de prata nos 800 libre.

Águeda asinou un tempo de 8:26.61, só superada por Jimena Pérez (8:24.90) e por diante de Catalina Corró, que foi terceira (8:33.72).

Na mesma proba Paula Goyanes concluíu na posición 13 (8:45.56) e Lara Gómez na 19 (8:52.49).

Ademais na última xornada do Campionato de España Bea Gómez foi décimo terceira nos 100 braza (1:11.82), Clara Otero acabou no posto 41 dos 100 libre (58.99) e Daniel Sánchez no 24 das 100 costas (57.42).