Segundo bronce de Águeda Cons para pechar con nota o Mundial Junior de natación

Pontevedra
28 de agosto 2017

A nadadora pontevedresa rebaixou sensiblemente a súa mellor marca nos 1.500 metros para facerse coa súa segunda medalla mundialista en Indianápolis, tamén de bronce, e poñer a guinda a unha sobresaliente tempada

Águeda Cons, durante unha competición en Pontemuíños
Águeda Cons, durante unha competición en Pontemuíños / Mónica Patxot

A progresión que está a protagonizar nos últimos meses Águeda Cons parece non ter fin, e así o demostrou unha vez máis na que era a súa última proba do Campionato do Mundo Junior de natación en Indianápolis (EEUU).

A nadadora pontevedresa sumou no 1.500 libre a súa segunda medalla da competición, tamén de bronce, tras a lograda nos 800 libre.

Fíxoo ademais rebaixando sensiblemente a súa marca. Se no Europeo, onde foi prata, baixou 13 segundos o seu mellor rexistro persoal, nesta ocasión Águeda nadou máis de 11 segundos máis rápido para fixar o crono en 16:17.84.

Por diante dela, de novo a húngara Ajna Kesely a pouco máis de dous segundos (16:15.68), polos case 18 nos que lle avantaxou no recente Campionato de Europa. O podio foi o mesmo que na proba de 800, levando o ouro con autoridade a arxentina Delfina Pigniatello (15:59.51).

O seu segundo bronce mundialista supón o broche a unha sobresaliente tempada, con ata cinco metais internacionais, os dous de Indianápolis e as tres pratas europeas, ademais do seu gran papel nos campionatos nacionais.

En canto ao Mundial Junior, a única proba de todas as que nadou a deportista do Galaico na que non logrou meterse na final foi o 400 libre, na que concluíu na décima posición.