Pontevedra acollerá, por primeira vez, unha concentración nacional de natación artística.
Será o próximo mes de febreiro, concretamente do 5 ao 9. Unhas datas nas que a Selección Española Júnior protagonizará unha concentración con sede no Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños.
Serán unhas xornadas nas que o equipo nacional preparará, con sesións de adestramento de máis de seis horas ao día, as rutinas de equipo que presentará ao Campionato de Europa de Natación Artística que se celebrará en Atenas o próximo mes de xuño.
Entre as nadadoras citadas pola Real Federación Española de Natación atópase unha pontevedresa, Daniela Suárez, habitual nos últimos anos nas seleccións nacionais en categorías de formación.
"Sen perder de vista o obxectivo principal da concentración, que é adestrar e cumprir obxectivos da coreografía, queremos que a experiencia sexa un pouco diferente, e da man do Concello preparamos unha visita das nadadoras a colexios da cidade para que os nenos e nenas de Pontevedra as coñezan e nos axuden a promocionar o noso deporte", explican desde o Club Natación Artística Galaico Pontevedra.
Cabe destacar que ademais das xornadas propias de adestramento, está prevista unha exhibición do equipo nacional júnior aberta ao público o día 8 de febreiro, nun horario aínda por confirmar
"É unha oportunidade de ver a natación artística a un nivel que non se adoita ver a diario e de que as nenas vexan aos seus referentes", afirma Diana Fernández, adestradora do club pontevedrés.
Fernández defende o "gran valor" que supón esta concentración nacional xa que compartirán piscina con deportistas do seu club e tamén doutras disciplinas, e porque "do equipo nacional junior saen as futuras nadadoras absolutas e posibles nadadoras olímpicas".