Definidas as primeiras seleccións españolas para os Mundiais Multideporte, con Saleta Castro na longa distancia

Pontevedra
05 de maio 2025

A pontevedresa, que foi novena no Mundial celebrado na casa en 2019, repetirá experiencia nos mundiais do próximo mes de xuño na Boa Vila. O vigués Antonio Serrat correrá o dúatlon

Saleta Castro no Mundial de tríatlon de longa distancia de Pontevedra
Saleta Castro no Mundial de tríatlon de longa distancia de Pontevedra / Xan Xiadas

A Federación Española de Tríatlon desvelou nos últimos días as primeiras convocatorias dos equipos nacionais para os Mundiais Multideporte que se celebrarán entre o 20 e o 29 de xuño en Pontevedra.

Polo momento a dirección técnica da Federación fixo publicas as seleccións  elite para o tríatlon cros, o dúatlon e o tríatlon de longa distancia.

É nesta última proba na que o deporte local contará cunha das súas referentes dos últimos anos como Saleta Castro.

A pontevedresa, que foi novena no Mundial celebrado en casa en 2019, repetirá experiencia na longa distancia o día 29 de xuño nun equipo español feminino que completa a catalá Marta Sánchez Hernández, mentres que o equipo masculino estará composto por Antonio Benito, Jordo Montraveta, Guillem Montiel e Mikel Ugarte.

Ademais o vigués Antonio Serrat, habitual na modalidade olímpica nas Series Mundiais, competirá en Pontevedra polo título mundial de dúatlon (21 de xuño). Tamén o farán outros dous galegos como José Gálvez e Sara Reimono.

Por último o tríatlon galego terá dobre representación no tríatlon cros (24 de xuño) con Elsa Pena e de novo José Gálvez.

Ademais destas probas en Pontevedra celebraranse os mundiais de dúatlon cros (26 de xuño), acuatlón (27 de xuño) e aquabike (29 de xuño).

Nunha desas probas aspira a competir o poiense Cristian Fernández, concretamente en acuatlón, disciplina da que é dobre medallista mundial e na que tivo que  renunciar o Europeo de Pamplona deste mes de maio debido a unha lesión.