A Semana Santa enche Vilagarcía do mellor baloncesto de base

O Salnés
01 de abril 2026

A nova edición da Vilagarcía Basket Cup contará coa participación de 1.550 deportistas das categorías base de 127 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, León e Francia

Presentación da Vilagarcía Basket Cup
Presentación da Vilagarcía Basket Cup / Alberto de Madrid Lafuente

Volve a Vilagarcía Basket Cup. Como cada Semana Santa desde hai vinte e nove anos, a vila vibrará co mellor baloncesto de base a nivel autonómico e nacional.

Esta cita deportiva, todo un referente en Galicia, recibirá 1.150 deportistas, segundo avanzaron este martes os seus organizadores.

Participarán 127 equipos procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria, León e Francia, que entre o xoves pola mañá e o domingo pola tarde, xogarán un total de 275 partidos.

Entre as novidades destacan que o torneo esténdese a catro días e volverá ás súas orixes, celebrando todos os partidos en Vilagarcía.

Serán nas once canchas que suman as cinco de Fontecarmoa e as dúas do complexo de Fexdega, máis ás dos pavillóns Castelao-Helena Mariño, Faxilde, A Torre e IES O Carril.

Na competición das categorías infantil, cadete e júnior competirán os 1.100 rapaces e rapazas que compoñen os 87 equipos participantes.

Trátase dun 25% menos que o ano pasado, unha decisión adoptada, segundo indicou o presidente do CB Vilagarcia, Alberto Blanco, para unha organización máis fluída.

Ademais, celebrarase un torneo de mini basket que se desenvolverá integramente nas canchas de Fexdega e no que participarán 40 equipos masculinos e femininos, o que supón outros 450 xogadores e xogadoras.

Este será un torneo non competitivo e sen marcadores, para que a rapazada poida gozar sen mais da práctica do baloncesto. Será así unha festa que tamén contará con inchables, animación e xogos durante todo o día no recinto da Maroma.

Os partidos de mini basket serán pitados por membros do club organizador, mentres que os das restantes categorías, por árbitros da federación, "que tamén fai un enorme esforzo para proporcionarnos todo o persoal necesario para tanta actividade", apuntou Blanco.