O primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol ve cada vez máis preto o regreso da competición, que se producirá o vindeiro domingo 9 de xaneiro (17.00 horas) coa visita ao Estadio Municipal de Pasarón do Palencia Cristo Atlético.
Os granates regresaron ao traballo tras os días de descanso concedidos polo técnico con motivo do fin de ano, e fixérono sen cambios no que respecta a un dos máximos temores agora mesmo en todos os clubs, a afectación pola covid.
O único caso positivo detectado no primeiro adestramento post-do Nadal segue illado á espera dunha nova PCR que lle permita, en caso de resultar negativa, abandonar o confinamento. En todo caso a súa presenza ante o Palencia antóllase case unha quimera tras non ter podido exercitarse aínda co resto dos seus compañeiros.
Ademais mantéñense os precaucións cos tres xogadores que retomaron os adestramentos de maneira individualizada ao ser contactos de persoas positivas.
Nos plans do club granate está realizar unha nova rolda de test de detección de coronavirus nas próximas horas para coñecer o estado dos seus xogadores e corpo técnico, coa esperanza de non que non se dean novos positivos e así poder afrontar coas maiores garantías posibles o primeiro partido de liga do ano.
En canto á planificación da semana, o Pontevedra ten previsto exercitarse todos os días a excepción do xoves, xornada que esta semana será a de descanso en lugar da habitual dos martes.