Situación límite no Pontevedra

Pontevedra
25 de xaneiro 2021

Despois de cinco xornadas consecutivas sen gañar, os granates xa non poden permitirse máis tropezos se pretenden aspirar aos tres primeiros postos da táboa, os que dan acceso directo á Segunda B PRO e permiten seguir loitando polo ascenso

Jesús Ramos, no amigable entre Pontevedra e Deportivo en Pasarón
Jesús Ramos, no amigable entre Pontevedra e Deportivo en Pasarón / Mónica Patxot

Agora si que xa non hai máis marxe para o erro. Tras a súa derrota en Salamanca fronte a Unionistas o Pontevedra Club de Fútbol atópase nunha situación límite.

O investimento e o proxecto confeccionado esta curso, mirando cara á reestruturación da categoría, poñía como obxectivo mínimo pasar o corte da nova Segunda B PRO ou Primeira RFEF como foi bautizada formalmente, pero de esguello miraba cara á loita polo ascenso.

Iso pasa irremediablemente por finalizar a primeira fase da competición entre os tres primeiros postos.

É certo que os granates aínda dependen de si mesmos, pero as sensacións non están a ser as mellores. Así, desde a sétima praza que ocupan están a tres puntos do Deportivo, que é terceiro, cun partido menos, aínda que outros rivais que están entre medias tamén contan con xornadas perdidas.

Por diante restan sete xornadas máis o choque aprazado contra o Guijuelo, e xa non só vale gañar o primeiro deles, senón que se fai necesario encadear unha serie de bos resultados para recobrar opcións e confianza. Só así se podería salvar unha situación que ameaza seriamente con facer saltar polo aire o proxecto dirixido por Jesús Ramos desde o banco, más cuestionado agora que nunca.

Xa non valen as escusas, empezando pola complicada saída da próxima fin de semana ao Municipal vigués de Barreiro, onde espera o Celta B, sexto con 14 puntos (polos 13 do Pontevedra) e un partido menos. Despois visitará Pasarón o Zamora (2º), haberá que viaxar ao campo do Salamanca CF UDS (9º), seguindo con Compostela na casa, Deportivo fóra, Coruxo na casa e Guijuelo a domicilio. Ante este último equipo haberá que xogar dúas veces, pois aínda debe fixarse o duelo aprazado entre ambos os dous polo temporal de neve.